A NOSA HISTORIA

Mel Casa Príncipe: “Pastores de abellas”

ENVASAMOS OS  SABORES  DAS  PAISAXES

Esta historia comeza co legado do noso pai e o seu amor pola natureza o que inspirou a mantermos este lazo entre abellas e os Ancares e converternos en pastores de abellas.

A tradición Abelleira constitúe unha cultura enxebre dos Ancares que ten coma mellor expresión a existencia dunha arquitectura popular de enorme beleza, os curtíns, espallados polos seus montes e vales. Son un patrimonio único e simbólico da nosa historia, dando pé a un xeito de vida xa case extinto das xentes que viviron nesta Serra.

Moitos destes vellos curtíns asolan esquecidos no tempo ante unha apicultura que se anovou facendo que estas xoias da arquitectura do País se percibirán coma pouco útiles.

Hoxe os novos retos aos que se enfronta a apicultura, que encara un futuro delicado e de crise, ante novos escenarios con consecuencias moi negativas sobre a poboación de abellas, coma o cambio climático, a perdida de biodiversidade, a expansión de especies de fóra, caso da vespa “velutina”, fai preciso tirar de leccións da tradición que logrou durante tantos séculos manter este oficio.

En Casa Príncipe estamos certos de que axuntar tradición e modernidade abelleira é a resposta para dar continuidade ás seguintes xeracións do pecorear das abellas nos Ancares. Esta aposta lévanos a recuperar vellos curtíns, adaptando o tamaño dos colmeares as súas singularidades,  o que implica que o noso oficio sexa máis laborioso e complexo, máis coa recompensa de propiciar as nosas abellas unha mellor convivencia coa contorna, así coma, o producir meles moi especiais e de intenso e valiosísimo sabor.

Cada bote do mel Casa Príncipe é un anaco da paisaxe dos Ancares trasladado ó sentido do gusto é a sabor dos seus bosques, matogueiras, soutos, ríos e cumes. Ten de ingrediente un facer de sentimento  coa recuperación da nosa biodiversidade, do voltar dos osos á Serra, do canto dos paxaros…

En Casa Príncipe traballamos para que o noso xeito de facelo mel aporte un valor de compromiso ao lugar que tanto queremos, os Ancares, un espazo patrimonial, cultural e natural recoñecido coma Rede Natura e Reserva da Biosfera por tan senlleiros valores.